Na Parroquia de San Martiño de Goente, ao pasar pola estrada en dirección a Pontedeume e detrás do cemiterio, pódese ver unha cruz alta. Este é o exemplar do que imos a falar hoxe.
CRUZ DE DETRÁS DO CEMITERIO DE SAN MARTIÑO – GOENTE

Está situada esta cruz detrás do cemiterio de San Martiño, en Goente. Visible dende a estrada, pola marxe esquerda.
É unha cruz moi ben feita e moi bonita, xa que está ben traballada. Dentro das cruces de desgraza, debe ser unha das máis grandes e mellor lograda das que temos no concello.
Está feita en pedra de gra. Asentada nunha base feita en cachotería de pizarra ou lousa, de forma prismática cuadrangular. E, á súa vez, asentada nunha base de pedra de gra a igual ca cruz e de xeito paralelepípedo rectangular. Na parte que dá ao cemiterio ten unha inscrición con bastantes letras (o que indica unha inscrición longa), mais imposible de ler polo seu desgaste. O brazo inferior da cruz ensánchase a xeito de tronco piramidal cunha base cadrada. O resto dos brazos rematan potenzados e con corte de diamante. A sección da cruz é cadrada.
Parece que ten a súa orixe nunha morte por desgraza por mor dunha chispa ou raio que matou a unha muller cando viña cun saco de gran a moer nun dos muíños do Val de Seoane. Ao parecer, noutro tempo, polo lugar da cruz debía de vir un camiño que ía cara o Val de Seoane.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
