Archivo por meses: mayo 2024

PATRIMONIO PONTÉS CV

Atopámonos cun exemplar que como con moitos, o paso do tempo, vaise perdendo a súa orixe e descoñécese por quen a puxeron alí.


CRUZ NO REGO DO OURO



Esta cruz está situada na confluencia de dous camiños, un deles (que debía ser o principal, hoxe está pechado por arame de espiños. Descoñezo a historia polo momento,  non sei quen morreu neste lugar nin en que circunstancias, mais é unha cruz de desgraza ou morte repentina.

É unha cruz grande, traballada toda ela nunha chanta de pedra de ollo de sapo. Os brazos horizontais e o vertical superior están cortados en oblicua, non son rectos na terminación; posiblemente rotos co paso do tempo.


O camiño no que está situado atópase preto do parque eólico da Faladora, non é doada de atopar, pois os camiños que por aquí pasaban deben estar fóra de uso, polo que hai que ir a ela expresamente. O camiño que sube por diante dela debe ir cara os lugares pretos da estrada que vai cara Ortigueira.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

PATRIMONIO PONTÉS CIV

Na Parroquia de San Martiño de Goente, ao pasar pola estrada en dirección a Pontedeume e detrás do cemiterio, pódese ver unha cruz alta. Este é o exemplar do que imos a falar hoxe.



CRUZ DE DETRÁS DO CEMITERIO DE SAN MARTIÑO – GOENTE



Está situada esta cruz detrás do cemiterio de San Martiño, en Goente. Visible dende a estrada, pola marxe esquerda.
É unha cruz moi ben feita e moi bonita, xa que está ben traballada. Dentro das cruces de desgraza, debe ser unha das máis grandes e mellor lograda das que temos no concello.


Está feita en pedra de gra. Asentada nunha base feita en cachotería de pizarra ou lousa, de forma prismática cuadrangular. E, á súa vez, asentada nunha base de pedra de gra a igual ca cruz e de xeito paralelepípedo rectangular. Na parte que dá ao cemiterio ten unha inscrición con bastantes letras (o que indica unha inscrición longa), mais imposible de ler polo seu desgaste. O brazo inferior da cruz ensánchase a xeito de tronco piramidal cunha base cadrada. O resto dos brazos rematan potenzados e con corte de diamante. A sección da cruz é cadrada.


Parece que ten a súa orixe nunha morte por desgraza por mor dunha chispa ou raio que matou a unha muller cando viña cun saco de gran a moer nun dos muíños do Val de Seoane. Ao parecer, noutro tempo, polo lugar da cruz debía de vir un camiño que ía cara o Val de Seoane.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada