Seguimos por terras do Freixo e hoxe imos con outra cruz de desgracia. O tipo de cruz de hoxe é moi común por esta parroquia na feitura (nunha soa peza) e no material.
CRUZ DE A REGA (O FREIXO)

Cruz moi típica desta zona do Freixo, feita de chanta de ollo de sapo. Non é moi alta. Ten os brazos verticais máis anchos cos horizontais e estes son curtos. Non hai inscrición visible. Agora mesmo está nun cruce de camiños, antes estaba situada nun lateral, á esquerda de onde agora está.
Polos datos facilitados por D. Miguel Vilaboy, esta cruz era coñecida pola cruz dos Franco, pois era unha familia que veu de Solloso, posteriormente herdada a propiedade polos Pita (tamén de Solloso) e coñecidos no lugar polos de Xan Pita. Non hai datos do motivo da súa colocación, máis posiblemente alguén desta familia morrería de desgracia neste lugar. O que si é seguro que polos inicios do século XX soterraban os anxos, mortos sen bautizar (abortos, partos prematuros…), como era común polo resto do concello, arredor dela. Todo o que non era enterrado no cemiterio por estar sen bautizar, soterrábano ao pé dalgunha cruz.
Precisamente un afillado do avó de Miguel era o encargado de manter a cruz en condicións, pois daquela, os camiños, a igrexa, as pontes… eran traballos comunais de toda a veciñanza.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
