PATRIMONIO PONTÉS XCVI

Imos con outro exemplo de cruz de desgracia ou indicativa de morte repentina, neste caso por accidente pirotécnico un día de festa para todos os veciños e que se converteu nun día tráxico.


CRUZ NO CAMIÑO DA IGREXA DE PENA DE FRANCIA



Cruz máis ben pequena, duns sesenta centímetros, erguida sobre dunha base feita de pedras de ollo de sapo, cunha máis grande e grosa xusto debaixo dela a xeito de mesa rectangular.
A cruz está feita tamén en pedra de ollo de sapo. Ten os brazos horizontais pequenos, o vertical superior máis longo cos horizontais e o vertical inferior ancheándose a xeito triangular, máis ensanchado na base.
Ten inscricións, leva letras riscadas nela co seguinte texto:

POR

MANUEL

OTERO

AQUÍ Fº (=FALLECIDO)

EN 8 DE SE

PTIEMBRE

DE 1.927

D.E.P.


Polo que puiden saber é unha cruz indicativa dunha morte de desgracia. Os feitos sucederon así: O día 8 de setembro de 1927, día no que se celebra a festa neste lugar de Pena de Francia-Freixo, todo era ledicia e festa. Mais nesta ocasión ía a quedar marcado na memoria da xente do lugar coma un día tráxico. Coma noutras ocasións, D. Manuel Otero, dispoñíase a botar o fogo, e por motivos descoñecidos,  estálalle  un e mátao ao momento. A festa trocouse axiña en loito.
Esta cruz lembra este feito no lugar onde sucedeu. Está pintada de branco.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario