Esta cruz de desgraza ten detrás unha historia tráxica e inocente ao mesmo tempo. E as historias hai que ir recolléndoas para que non se esquezan, aínda que sexan tráxicas, porque tamén forman parte de nós, do noso pasado.
CRUZ DE SUAPENA

No lugar de Suapena, nunhas penas existentes entre a casa de dito lugar e a estrada que vai de As Pontes a Ortigueira, está situada esta cruz.
Semella unha cruz pequena, inda que subindo ato o alto da pena na que se atopa dáse un conta de que en realidade é máis grande do que parece dende abaixo. Está chantada na pedra da pena e non hai quen a mova.
Ten tres brazos iguais e de sección cadrada e o vertical inferior máis longo cos outros. Da a sensación de que nalgún momento tivo un Cristo nela pois hai como tres incisións onde debían ir os cravos.
É unha cruz indicativa de morte por desgracia. Neste lugar (segundo me informaron os compoñentes do matrimonio que alí vivían) morreu unha nena fai moito tempo como me relatou a dona da casa e contoume a historia que lle transmitira, había moito tempo, a súa avoa:
Vivía neste lugar un matrimonio que tiña unha filla pequena, coma todos os nenos xogaba, era inqueda, corría dun lugar a outro sen parar. Un dos lugares que gustaba de xogar era a parte baixa das penas alí existentes. Un día, nun descoido dos pais, subiu ata o alto dunha delas perseguindo aos paxaros, cando chegou arriba os paxaros botaron a voar e, ela, remedándoos tamén se botou a voar caendo dende o alto e matándose. Dende entón a cruz lembra esta fatídica e inocente desgraza.
Sempre que paso pola estrada cara Ortigueira ou Mañón e vexo a cruz, lémbrome desta tráxica historia que ese día contáronme nese lugar.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
