PATRIMONIO PONTÉS XCI

Ímonos hoxe á Vila, ao noso orixe como pobo, onde aínda se conservan cruces cumiais nalgunhas das casas como símbolo protector de todo o que hai no interior delas.

CRUZ CUMIAE NA VILA, CASA DE SILVA


Dentro co casco da Vila, no que é a zona vella ou o que sería a zona intramuros antigo, temos tres casos de cruces cumiaes. Este primeiro corresponde á que hai na casa dos de Silva.


O teito desta casa corresponde case co dun teito a catro augas, algo modificado na parte dianteira. No cumio do mesmo atópase a cruz encaixado nunha base ou pedestal de forma prismática cuadrangular achafranado na parte superior.


É unha cruz case grega, de brazos iguais e abertos no seu remate, dando a semellanza dunha cruz potenzada. É de sección octogonal desigual, maior nas caras frontais.


Consérvase en bo estado. A casa foi restaurada e conservouse dita cruz. Exemplo de boa restauración.


A fotografía é de como estaba a casa coa cruz antes da restauración efectuada. Posiblemente, unha das de maior acerto coa restauración dun edificio tradicional dentro do casco histórico da Vila.

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario