PATRIMONIO PONTES LXXXVIII

Comezamos hoxe coas cruces cumiais nas casas, das que temos varios exemplares, moitos deles na Vila, orixe do noso pobo; aínda que tamén hai exemplares polas parroquias xa que era un elemento que se poñía no cumio das casas para protexer a todos os seus moradores (persoas e animais).
E imos co primeiro exemplar que pertence a unha casa de Marraxón, que ademais conta cun exemplar de reloxo de Sol

CRUZ CUMIAE NUNHA CASA DOS DE BENITO DE MARRAXÓN

No cumio da casa dos de Benito, en Marraxón de Arriba, atopamos esta cruz cumial. O seu brazo máis longo, o vertical inferior, é na súa maior lonxitude de sección cadrada, aínda que logo está un pouco desgastado presentando a forma octogonal ou oitavada, típica dos “fustes ou varais” dos cruceiros da zoa. O desgaste é mínimo e os lados e caras frontais do mesmo son maiores. Nos outros brazos tamén teñen o mesmo desbaste, pero maior na súa totalidade. Está apoiada nunha base prismática rectangular ou cuadrangular, non se aprecia moi ben dende abaixo. O material de dita base parece ollo de sapo ao igual co material de que está feita a cruz. Como curiosidade direi que nesta casa tamén existe un magnífico exemplar de reloxo de sol. (Citado no número 3 da revista Hume, “Os reloxos de sol no concello das Pontes de García Rodríguez”, ano 2010).

Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada

Deja un comentario