Ás veces, das cruces cumiais só quedan restos ou a cruz, pero fóra de lugar, coma no caso destes dous exemplares que están no cemiterio vello da Igrexa do Freixo. O que non sei é o lugar orixinal da súa situación, que ben puidera ser no cumio do templo ou no muro de dito cemiterio onde había un osario moi orixinal, cunha pedra con inscrición.
CRUCES CUMIAIS NO CEMITERIO VELLO DO ADRO DA IGREXA DE SAN XOÁN DO FREIXO

Cando estaba a facer as fotos das cruces dos túmulos no vello cemiterio da Igrexa de San Xoán do Freixo, atopei con estas dúas cruces que moi ben puideran estar no cumio da igrexa ou no muro que rodea o adro, son do tipo que se poñen no cumio e a unha delas fáltalle un brazo.
A primeira é unha cruz completa e de sección cadrada con rebaixe, é dicir, octogonal irregular; é do tipo de cruz latina, isto é, brazos desiguais. Está cuberta de musgo. É do tipo das cumiais.

A segunda está partida, fáltalle o brazo vertical inferior. Está pousada sobre dun dos brazos horizontais. Está bastante cuberta de musgo, mais aínda así pódese apreciar que os remates dos brazos superiores son frorenzados e con botón central. Coma no caso anterior, é latina.
Texto e fotos aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada
