O segundo exemplo de cruz sobre muro de entrada o atopamos nun portalón e muro dunha casa en Goente, concretamente detrás da Igrexa Parroquial
CRUZ CUMIAL NUN PORTALÓN DE ENTRADA EN GOENTE. TRAS DA IGREXA.
Atopámonos cunha cruz cumial nun portalón de entrada, dos escasos exemplares nesta zoa. É un fermoso exemplar, que está situado xusto detrás da Igrexa Parroquial de Goente.

Trátase dunha cruz cumial bonita en factura, ben traballada, que vai erguida sobre dun pedestal prismático cuadrangular con media escocia e un saínte cuadrangular rebaixado na parte superior.
A cruz en si é de sección octogonal, cun rebaixe polo medio dos brazos na cara frontal, círculo central (no cruce dos brazos) é dentro desta roda central leva como outras dúas concéntricas. Os brazos rematan en sección cuadrangular, dándolle un aspecto de potenzada.
Está acompañada esta cruz de dous rodelas, unha a cada lado, e que van apoiadas sobre dunhas bases cúbicas con escocia na parte superior, seguidas dun tronco piramidal cuadrangular que, a súa vez, levan dous rebaixes cadrados, e rematadas nas rodelas cilíndricas e que van adornadas co mesmo motivo central ca cruz, aínda cun pouco máis grandes.
A inclinación que ten indica que non está moi estable e segura, é probable que calquera día caia e rompa.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
