E imos a outro tipo exemplos de cruces cumiais e son as que están enriba dos muros das casas e das igrexas e nas entradas aos cemiterios. Loxicamente segue sendo o símbolo de protección para todo o que hai dentro do recinto amurallado, do recinto da igrexa e no interior dos cemiterios.
CRUZ CUMIAE DE CABO DA IGREXA (BERMUI)

No lugar de Cabo da Igrexa, na parroquia de Bermui, preto do cemiterio, hai unha cruz enriba do muro que serve de apoio á cancela de acceso a unha vivenda. Trátase dunha cruz pequena, de brazos superiores iguais e o vertical inferior algo máis longo e cun ensanchamento na base. É un exemplar de cruz potenzada e con molduras na intersección dos brazos. No brazo superior está algo deteriorada.
Non leva inscricións visibles e ao seu carón, a un metro, hai un pináculo de pedra, polo que moi probablemente fose unha cruz cumial dunha casa e formaría conxunto co pináculo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
