Outro exemplar, tamén do Caneiro, que conta cunha cruz cumial.
CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 2 DO CANEIRO-IGREXA

Un segundo exemplar de hórreo con cruz cumial é este que está situado no mesmo lugar do Caneiro, aínda que sobre uns cincuenta metros máis ao Norte co número 1.
É un hórreo a dúas augas, sen sobrepenas no teito, aínda que ten remates cumiais (diante a cruz e detrás o remate piramidal). A base é de cepa maciza. A porta, coma no outro caso, remata tamén na súa parte superior de xeito semicircular. O acceso a dito hórreo é por medio dunha escaleira de patín.
A diferencia do caso Nº 1, este leva unha inscrición na parte superior da porta, coas iniciais A. G., seguidas de A. Ñ. 1927 (enténdese AÑO 1927). Tamén enriba da inscrición leva labrada unha cruz da que falamos no apartado de cruces labradas.
A cruz cumial é unha cruz latina de feitura, tamén, rara na nosa zoa e que poderíamos encadrala nas de tipo “Santiago”, aínda que non de todo por mor da parte ou brazo vertical inferior da mesma, pois non remata coma nos outros brazos. O material do que está feita ben podería ser toelo, ao igual co hórreo.
Non é unha cruz moi grande, mais á primeira ollada si o parece por mor da altitude que lle proporciona a base na que se apoia. Esta está composta de dous corpos (ámbolos dous de feitura piramidal rectangular), o primeiro máis grande co segundo e que apoia sobre o cumio do tellado e, o segundo, no que apoia a cruz e parte del. A cruz forma, con dita base, un só conxunto feito na mesma pedra.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
