Hoxe imos ver outro tipo de cruces cumiais, e son as que están situadas nos hórreos e que se poñían, loxicamente, como símbolo de protección para o contido dos mesmos: maínzo, castañas, queixos…
CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 1 DO CANEIRO-IGREXA

A ubicación desta cruz é no hórreo da primeira casa que hai á esquerda da pista, unha vez pasada a igrexa do Caneiro.
Un dos poucos e raros exemplares que temos de cruces cumiais nos hórreos na nosa zoa é este. Atopar hórreos rematados no seu cumio en cruz na parte dianteira e nun remate piramidal na traseira neste concello non é unha cousa moi doada, xa que xeralmente os hórreos nosos non teñen remates no cumio do tellado, son a catro augas (iste é a dúas) e non levan as sobrepenas que si atopamos neste caso. Como curiosidade, tamén, engadiremos tres detalles máis deste caso concreto: o primeiro, é o seu acceso, pois é dende o balcón da casa; o segundo, é o aproveitamento da base do mesmo ou celeiro (maciza) para servir de parede a dúas cabanas (unha a cada lado) de chantas que ten adosadas; e o terceiro, a parte superior da porta, que é semicircular, cando na maioría dos hórreos ponteses é unha porta rectangular.
En definitiva, un exemplar curioso e que xa foi rexeñado no número 2 da revista de Hume (“O hórreo no concello de As Pontes de García Rodríguez” – ano 2009).
En canto á cruz é de sección octogonal. Leva unha base cuadrangular na que se apoia no cumio da sobrepena, logo ten un entrante cóncavo (escocia) que volve a saír e fai unha base cuadrangular na que apoia a cruz.
Este exemplar é unha cruz curiosa, como o hórreo no seu conxunto, e pouco abondosa na nosa zoa, agás nalgunhas representacións semellantes nas cruces dos nosos cemiterios.
A cruz é latina, con remate de tipo potenzado nos brazos. Leva un círculo dándolle ao conxunto a semellanza da cruz que sae da roda crucífera. A sección da mesma é octogonal. E é de pedra de gra.
Tanto o hórreo coma a cruz non teñen inscricións visibles, aínda que si a casa que data segundo reza o lintel da porta do ano 1901, o que nos aventura a afirmar que o conxunto pertence a primeiros do século XX. O que non se pode negar é que dita cruz e hórreo constitúen un fermoso exemplar do noso concello.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
