Archivo por meses: octubre 2023

PATRIMONIO PONTES LXXXII

Trasladámonos hoxe a Goente, para atoparnos con este cuarto exemplar de hórreo que ten unha cruz cumial no seu fronte.

CRUZ CUMIAL NUN HÓRREO EN GOENTE

Trátase dun hórreo de recente factura e que non se corresponde co modelo típico da zoa. É un hórreo mixto a dúas augas e que se atopa no xardín dunha casa-chalé situada no lugar de Goente, ao pé da estrada que une As Pontes con Cabanas e próximo ao Igrexa e na marxe esquerda.


O hórreo ten coma dous pináculos nas súas cabezas. Na de diante remata en cruz e a outra é o típico pináculo rematado en esfera.


Trátase dunha cruz grosa (para o seu tamaño), de pequeno tamaño e cos brazos superiores case que iguais, o inferior é un pouco máis longo. È de sección cadrada. Está feita en pedra de granito.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXXI

Seguindo coas cruces cumiais nos hórreos, hoxe quedamos na zona do pobo, concretamente no recinto verde que hai en Endesa, ao pé das torres de refrixeración. Atopamos este exemplar grande de cruceiro e que se podía ver pola vella estrada que levaba dende o pobo ata a Vilavella, hoxe pechada ao tráfico.



CRUZ CUMIAE NUN HÓRREO NA ZOA DOS PATOS, EN ENDESA


Na zoa dos patos, pertencente ao recinto empresarial de ENDESA, temos un exemplar de hórreo que provén das expropiacións realizadas por dita empresa na zoa da mina de carbón. Este hórreo é un dos poucos exemplares (4 en total) cos que contamos nas Pontes de García Rodríguez que leve unha cruz cumial na parte dianteira, tamén conta cun remate en pináculo na parte traseira.


O hórreo é un exemplar atípico tamén, pois é bastante largo para o tipo de hórreos da nosa bisbarra. Estreito e a catro augas. Co teito de pizarra ou lousa.
É unha cruz pequena, dentro das cumiais, e de tipo grego – brazos iguais – . Vai apoiada no cumio do teito, onde se xuntan as tres augas dianteiras.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXX

Outro exemplar, tamén do Caneiro, que conta cunha cruz cumial.

CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 2 DO CANEIRO-IGREXA


Un segundo exemplar de hórreo con cruz cumial é este que está situado no mesmo lugar do Caneiro, aínda que sobre uns cincuenta metros máis ao Norte co número 1.

É un hórreo a dúas augas, sen sobrepenas no teito, aínda que ten remates cumiais (diante a cruz e detrás o remate piramidal). A base é de cepa maciza. A porta, coma no outro caso, remata tamén na súa parte superior de xeito semicircular. O acceso a dito hórreo é por medio dunha escaleira de patín.


A diferencia do caso Nº 1, este leva unha inscrición na parte superior da porta, coas iniciais A. G., seguidas de A. Ñ. 1927 (enténdese AÑO 1927). Tamén enriba da inscrición leva labrada unha cruz da que falamos no apartado de cruces labradas.


A cruz cumial é unha cruz latina de feitura, tamén, rara na nosa zoa e que poderíamos encadrala nas de tipo “Santiago”, aínda que non de todo por mor da parte ou brazo vertical inferior da mesma, pois non remata coma nos outros brazos. O material do que está feita ben podería ser toelo, ao igual co hórreo.


Non é unha cruz moi grande, mais á primeira ollada si o parece por mor da altitude que lle proporciona a base na que se apoia. Esta está composta de dous corpos (ámbolos dous de feitura piramidal rectangular), o primeiro máis grande co segundo e que apoia sobre o cumio do tellado e, o segundo, no que apoia a cruz e parte del. A cruz forma, con dita base, un só conxunto feito na mesma pedra.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTES LXXIX

Hoxe imos ver outro tipo de cruces cumiais, e son as que están situadas nos hórreos e que se poñían, loxicamente, como símbolo de protección para o contido dos mesmos: maínzo, castañas, queixos…

CRUZ CUMIAL DO HÓRREO NÚMERO 1 DO CANEIRO-IGREXA


A ubicación desta cruz é no hórreo da primeira casa que hai á esquerda da pista, unha vez pasada a igrexa do Caneiro.
Un dos poucos e raros exemplares que temos de cruces cumiais nos hórreos na nosa zoa é este. Atopar hórreos rematados no seu cumio en cruz na parte dianteira e nun remate piramidal na traseira neste concello non é unha cousa moi doada, xa que xeralmente os hórreos nosos non teñen remates no cumio do tellado, son a catro augas (iste é a dúas) e non levan as sobrepenas que si atopamos neste caso. Como curiosidade, tamén, engadiremos tres detalles máis deste caso concreto: o primeiro, é o seu acceso, pois é dende o balcón da casa; o segundo, é o aproveitamento da base do mesmo ou celeiro (maciza) para servir de parede a dúas cabanas (unha a cada lado) de chantas que ten adosadas; e o terceiro, a parte superior da porta, que é semicircular, cando na maioría dos hórreos ponteses é unha porta rectangular.

En definitiva, un exemplar curioso e que xa foi rexeñado no número 2 da revista de Hume (“O hórreo no concello de As Pontes de García Rodríguez” – ano 2009).
En canto á cruz é de sección octogonal. Leva unha base cuadrangular na que se apoia no cumio da sobrepena, logo ten un entrante cóncavo (escocia) que volve a saír e fai unha base cuadrangular na que apoia a cruz.


Este exemplar é unha cruz curiosa, como o hórreo no seu conxunto, e pouco abondosa na nosa zoa, agás nalgunhas representacións semellantes nas cruces dos nosos cemiterios.


A cruz é latina, con remate de tipo potenzado nos brazos. Leva un círculo dándolle ao conxunto a semellanza da cruz que sae da roda crucífera. A sección da mesma é octogonal. E é de pedra de gra.


Tanto o hórreo coma a cruz non teñen inscricións visibles, aínda que si a casa que data segundo reza o lintel da porta do ano 1901, o que nos aventura a afirmar que o conxunto pertence a primeiros do século XX. O que non se pode negar é que dita cruz e hórreo constitúen un fermoso exemplar do noso concello.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXIII

Outros exemplos máis de cruces cumiais no teito da igrexa o temos na Igrexa Parroquial de Ribadeume, onde atopámonos non con unha, senón con dúas cruces cumiais de pedra, unha na fachada e outra na parte traseira. E ata cunha terceira, a existente enriba do campanario, que é de ferro.

CRUCES CUMIAES NA IGREXA DE RIBADEUME

Na Igrexa Parroquial de Santa María de Ribadeume atopámonos con dúas cruces cumiais, que en realidade son tres, pero a terceira está no campanario e é de ferro. Como estamos referíndonos as de pedra, faremos referencia soamente ás outras dúas. 
A primeira, está xusto no cumio da fachada principal, situada sobre dun pequeno pedestal de granito ben traballado a xeito de prisma cuadrangular con bocel superior e inferior, este último maior co superior. A cruz tamén é de granito, é de sección octogonal ou oitavada, co brazo superior vertical pequeno en relación cos brazos horizontais. O remate cuadrangular dos mesmos dálle aspecto de cruz potenzada. É unha cruz máis grande cas habituais dentro das cumiais existentes nas igrexas do concello.

A segunda, é unha cruz máis pequena ca anterior e colocada tamén sobre un pedestal de cachotería de pedra, pero sen traballar e moito máis basto co dianteiro. A cruz tamén é de sección octogonal ao longo de todo o brazo, non rematando en sección cadrada coma a outra. O tamaño seméllase máis coas existentes na zoa.