PATRIMONIO PONTÉS LXXVI

Sen saírnos do Aparral e preto da súa Igrexa Parroquial atopamos outra cruz cumial, neste caso no campanario exento da mesma, campanario que foi restaurado.


CRUZ CUMIAL DO CAMPANARIO DA IGREXA DO APARRAL



Como antes dixen, atopamos esta cruz no cumio do campanario da igrexa do Aparral. Dito campanario está afastado do que é o corpo da igrexa.


A cruz é latina, de sección octogonal e de tamaño medio. O material do que está feito semella ser ollo de sapo. Vai apoiada nun pedestal ou base cilíndrico e achafranado na parte superior do mesmo.
O campanario, a igrexa e o adro da mesma foron arranxados no ano 2000. O campanario actual ten un muro lateral máis en pedra, posiblemente como estivera noutrora, xa que na foto primeira podemos ver como hai unha parte feita de cemento, que logo –na terceira foto- podemos vela restaurada con pedra; asemade tamén se ve un pasamáns que antes non tiña. Os materias empregados foron ben seleccionados e non hai moita diferenza da parte restaurada á parte vella do campanario. Cando isto sucedía aínda era crego nesta Parroquia, D. Enrique Rivera Rouco, cronista oficial de As Pontes de García Rodríguez, el fixo un traballo excelente neste lugar e os veciños aínda o lembran con agarimo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario