
Imos desprazarnos hoxe ata o lugar do Caneiro, onde atopamos con dous exemplares de cruces cumiais, tamén de Igrexa. A primeira é a primitiva, a que orixinariamente estaba na parte traseira do teito da Igrexa e que logo foi substituída pola nova, que tamén imos ver.
CRUZ CUMIAE VELLA DA IGREXA DO CANEIRO
Está esta cruz na beira do camiño (pista), fronte ao muro da igrexa.
É a cruz que, primitivamente, estaba no cumio do tellado da igrexa e que foi substituída pola actual.
É de pequeno tamaño, similar ás cumiais das igrexas do resto do concello. Está situada enriba da base primitiva, pedestal, que é de forma tronco-piramidal cuadrangular.
Ao trocala de lugar (dende o cumio á pista), fixéronlle unha base de xeito de prisma cuadrangular e, sobre el, puxeron a base primitiva coa cruz.
A forma de cruz é latina, de sección octogonal irregular, pois é máis ancha a sección frontal cos rebaixes laterais.
A conservación parece normal para unha cruz con tantos anos, aínda que se atopa cuberta de musgo case na súa totalidade, o mesmo que lle sucede ao pedestal primitivo.
Engadir, a xeito de comentario persoal, que é unha satisfacción comprobar que non se perdeu este exemplar e que se lle buscou e atopou outra situación e utilidade, pois segue a protexer o recinto da Igrexa e, polo tanto, cumprindo unha función. (Xa comentamos doutros casos que non foi así, e perdéronse para sempre).

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
