Archivo por meses: septiembre 2023

PATRIMONIO PONTÉS LXXVII

Trasladámonos á Parroquia do Deveso, unha das parroquias máis montañosas de As Pontes de Gª Rguez., e que conta con poucos habitantes por mor do despoboamento do rural. No cumio da súa Igrexa Parroquial (Santa María do Deveso) atopámonos con esta cruz cumial.

CRUZ CUMIAL DA IGREXA DO DEVESO

Na parte traseira superior da igrexa do Deveso atopamos esta cruz que ten a peculiaridade de ser das máis delgadas que teño visto dentro das cumiais. É de pedra de granito e coido que non ten moitos anos, posiblemente cando se amañou o adro e o tellado da igrexa foi cando se colocou, antes debeu de haber outra no seu lugar. É unha cruz alta de brazos superiores moi iguais. Nas nosas igrexas e capelas era habitual que no teito delas houbese algunha cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXVI

Sen saírnos do Aparral e preto da súa Igrexa Parroquial atopamos outra cruz cumial, neste caso no campanario exento da mesma, campanario que foi restaurado.


CRUZ CUMIAL DO CAMPANARIO DA IGREXA DO APARRAL



Como antes dixen, atopamos esta cruz no cumio do campanario da igrexa do Aparral. Dito campanario está afastado do que é o corpo da igrexa.


A cruz é latina, de sección octogonal e de tamaño medio. O material do que está feito semella ser ollo de sapo. Vai apoiada nun pedestal ou base cilíndrico e achafranado na parte superior do mesmo.
O campanario, a igrexa e o adro da mesma foron arranxados no ano 2000. O campanario actual ten un muro lateral máis en pedra, posiblemente como estivera noutrora, xa que na foto primeira podemos ver como hai unha parte feita de cemento, que logo –na terceira foto- podemos vela restaurada con pedra; asemade tamén se ve un pasamáns que antes non tiña. Os materias empregados foron ben seleccionados e non hai moita diferenza da parte restaurada á parte vella do campanario. Cando isto sucedía aínda era crego nesta Parroquia, D. Enrique Rivera Rouco, cronista oficial de As Pontes de García Rodríguez, el fixo un traballo excelente neste lugar e os veciños aínda o lembran con agarimo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXV

Outro exemplo de cruz cumial de Igrexa o atopamos no Aparral, na súa Igrexa Parroquial e situada na parte traseira da mesma.

CRUZ CUMIAL DA IGREXA DO APARRAL

Na Igrexa Parroquial do Aparral, no cumio da mesma e na parte traseira, atopamos esta cruz. A igrexa foi restaurada e conservouse a cruz cumial traseira das tres que tiña, pois había outras dúas na parte dianteira, unha a cada lado e que na restauración se perderon.

Outra restauración que tamén se levou a cabo foi a do seu campanario que estaba afastado da mesma e que tamén ten unha cruz cumial que trataremos noutro apartado. No referente á cruz direi que é unha cruz pequena, de brazos case iguais (grega), aínda que un pouco máis longos os verticais cos horizontais. É de sección rectangular (a diferencia da maioría que son de sección octogonal).

O material semella se de ollo de sapo. Vai situada enriba dun pedestal ou base a xeito de tronco prismático rectangular achafranado na parte superior. Semella ser moi antiga, pola feitura e polo tamaño.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXIV


Imos desprazarnos hoxe ata o lugar do Caneiro, onde atopamos con dous exemplares de cruces cumiais, tamén de Igrexa. A primeira é a primitiva, a que orixinariamente estaba na parte traseira do teito da Igrexa e que logo foi substituída pola nova, que tamén imos ver.




CRUZ CUMIAE VELLA DA IGREXA DO CANEIRO

Está esta cruz na beira do camiño (pista), fronte ao muro da igrexa.


É a cruz que, primitivamente, estaba no cumio do tellado da igrexa e que foi substituída pola actual.


É de pequeno tamaño, similar ás cumiais das igrexas do resto do concello. Está situada enriba da base primitiva, pedestal, que é de forma tronco-piramidal cuadrangular.


Ao trocala de lugar (dende o cumio á pista), fixéronlle unha base de xeito de prisma cuadrangular e, sobre el, puxeron a base primitiva coa cruz.


A forma de cruz é latina, de sección octogonal irregular, pois é máis ancha a sección frontal cos rebaixes laterais.


A conservación parece normal para unha cruz con tantos anos, aínda que se atopa cuberta de musgo case na súa totalidade, o mesmo que lle sucede ao pedestal primitivo.
Engadir, a xeito de comentario persoal, que é unha satisfacción comprobar que non se perdeu este exemplar e que se lle buscou e atopou outra situación e utilidade, pois segue a protexer o recinto da Igrexa e, polo tanto, cumprindo unha función. (Xa comentamos doutros casos que non foi así, e perdéronse para sempre).

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.