PATRIMONIO PONTÉS LXXII

Outro exemplo de cruz cumial de igrexa é a existente no cumio do campanario da Igrexa do Poboado.
Edificio moi moderno para a época en que foi feito, mediados dos 60, e que contrastaba (aínda hoxe o fai) coas edificacións relixiosas da época. É unha mágoa o estado de abandono, por parte de ENDESA, no que foi caendo nos últimos anos.


De estilo modernista e imitación do neoclásico, o templo é de granito por fóra, mármore e madeira no interior e cuberta de lousa.


A planta é poligonal, con dous ábsidas, con ventás de mosaico, unha gran cúpula central rodeada de diferentes vidreiras e sobresaíndo o altar maior de mármore e afastado do lugar dos fieis por unha grande escaleira.. Está dedicada á Nosa Señora da Luz


CRUZ CUMIAE DA IGREXA DO POBOADO



Podemos ollar esta cruz enriba do campanario da igrexa do Poboado. É unha cruz bastante grande é grosa, de sección rectangular e co brazo superior vertical curto en relación cos horizontais e o vertical baixo. Está situada na parte superior do campanario e feita en pedra de granito.


A igrexa está situada no Poboado das Veigas, fronte ao que fora o escolar da antiga Calvo Sotelo, hoxe conservatorio de música. Dita igrexa foi inaugurada o día seis de xullo de mil novecentos sesenta e cinco, mandada construír polo entón presidente da Empresa Nacional Calvo Sotelo (E.N.C.A.S.O.), D. Luís Arias Martínez. Sendo o lugar onde, anos despois, foi soterrado. A igrexa está dedicada a Nosa Señora da Luz, na memoria da dona do señor Arias, que se chamaba Luz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario