PATRIMONIO PONTÉS LXX

Traio hoxe outro exemplo de cruz cumial tamén desaparecida, coma no caso anterior, na restauración que no seu día se fixo do tellado. Falo da cruz que había na Igrexa da Vilavella e que estaba situada na parte traseira do tellado.

CRUZ CUMIAL DA IGREXA DA VILAVELLA

Atopabámola situada na parte traseira do tellado da igrexa parroquial de Santa María da Vilabella. Para vela, había que ollala dende a parte do cemiterio ou por detrás da igrexa, xa que dende o camiño case non se vía. Era de pedra de gra ou granito. De tamaño máis ben pequeno, de sección octogonal ou oitavada.

Estaba apoiada nunha base ou pedestal, case invisible dende abaixo. Esta igrexa, segundo o que fora o noso cronista oficial, D. Enrique Rivera Rouco, é unha das máis antigas do concello, xa que dicía que era do século XIII, polo seu estilo con fiestras románicas sen mestura do gótico. Na última restauración que fixeron do tellado, a cruz desapareceu.

Unha vez máis atopámonos cunha restauración que non contempla os distintos elementos que había anteriormente a facela.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario