Archivo por meses: agosto 2023

PATRIMONIO PONTES LXXIII

Outros exemplos máis de cruces cumiais no teito da igrexa o temos na Igrexa Parroquial de Ribadeume, onde atopámonos non con unha, senón con dúas cruces cumiais de pedra, unha na fachada e outra na parte traseira. E ata cunha terceira, a existente enriba do campanario, que é de ferro.

CRUCES CUMIAES NA IGREXA DE RIBADEUME

Na Igrexa Parroquial de Santa María de Ribadeume atopámonos con dúas cruces cumiais, que en realidade son tres, pero a terceira está no campanario e é de ferro. Como estamos referíndonos as de pedra, faremos referencia soamente ás outras dúas. A primeira, está xusto no cumio da fachada principal, situada sobre dun pequeno pedestal de granito ben traballado a xeito de prisma cuadrangular con bocel superior e inferior, este último maior co superior. A cruz tamén é de granito, é de sección octogonal ou oitavada, co brazo superior vertical pequeno en relación cos brazos horizontais. O remate cuadrangular dos mesmos dálle aspecto de cruz potenzada. É unha cruz máis grande cas habituais dentro das cumiais existentes nas igrexas do concello.

A segunda, é unha cruz máis pequena ca anterior e colocada tamén sobre un pedestal de cachotería de pedra, pero sen traballar e moito máis basto co dianteiro. A cruz tamén é de sección octogonal ao longo de todo o brazo, non rematando en sección cadrada coma a outra. O tamaño seméllase máis coas existentes na zoa.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXII

Outro exemplo de cruz cumial de igrexa é a existente no cumio do campanario da Igrexa do Poboado.
Edificio moi moderno para a época en que foi feito, mediados dos 60, e que contrastaba (aínda hoxe o fai) coas edificacións relixiosas da época. É unha mágoa o estado de abandono, por parte de ENDESA, no que foi caendo nos últimos anos.


De estilo modernista e imitación do neoclásico, o templo é de granito por fóra, mármore e madeira no interior e cuberta de lousa.


A planta é poligonal, con dous ábsidas, con ventás de mosaico, unha gran cúpula central rodeada de diferentes vidreiras e sobresaíndo o altar maior de mármore e afastado do lugar dos fieis por unha grande escaleira.. Está dedicada á Nosa Señora da Luz


CRUZ CUMIAE DA IGREXA DO POBOADO



Podemos ollar esta cruz enriba do campanario da igrexa do Poboado. É unha cruz bastante grande é grosa, de sección rectangular e co brazo superior vertical curto en relación cos horizontais e o vertical baixo. Está situada na parte superior do campanario e feita en pedra de granito.


A igrexa está situada no Poboado das Veigas, fronte ao que fora o escolar da antiga Calvo Sotelo, hoxe conservatorio de música. Dita igrexa foi inaugurada o día seis de xullo de mil novecentos sesenta e cinco, mandada construír polo entón presidente da Empresa Nacional Calvo Sotelo (E.N.C.A.S.O.), D. Luís Arias Martínez. Sendo o lugar onde, anos despois, foi soterrado. A igrexa está dedicada a Nosa Señora da Luz, na memoria da dona do señor Arias, que se chamaba Luz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXXI

E sigo con exemplos de cruces cumiais nas igrexas, nesta ocasión un dos raros exemplos que aínda conservan a cruz de pedra sobre o campanario, a maioría son de ferro. E imos ata Pena de Francia, na parroquia do Freixo, onde a festa de dito santuario celébrase a primeiros de setembro.

CRUZ CUMIAE DA IGREXA DE PENA DE FRANCIA

No bico do campanario da Igrexa de Pena de Francia, parroquia do Freixo, atopamos situada esta cruz. É unha cruz pequena, duns corenta centímetros aproximadamente, e sobre duns dez de ancho. Salientaremos esta cruz polo rara e especial que é, pois vén sendo unha cruz encadrada e potenzada, ao mesmo tempo que ten sección oitavada ou octogonal (aínda que irregular) e o brazo vertical remata no cumio aberto en catro pétalos, mentres que os transversais, como xa dixen, fano a xeito dunha cruz potenzada e, polo tanto, pechados. Vai apoiada sobre dunha base tronco piramidal de base cadrada. A antigüidade desta cruz debe ser semellante á da igrexa ou capela onde está, que segundo datos é do ano 1665. Sobre esta capela D. Enrique Rivera Rouco, o noso cronista oficial dicía nun traballo sobre a mesma (“El Santuario de Nuestra Señora de Peña de Francia”.

Separata de ESTUDIOS MINDONIENSES, Núm.1 – Ano 1983): “Erigió este venerando Santuario en el lugar de Solloso, doña Florencia de Estua y Miranda, esposa de D. Fernando Sanjurjo Montenegro, previa licencia del Obispo D. Dionisio Pérez de Escobosa, que gobernó la Sede desde el 23 de agosto de 1663 al 12 de septiembre de 1668.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

PATRIMONIO PONTÉS LXX

Traio hoxe outro exemplo de cruz cumial tamén desaparecida, coma no caso anterior, na restauración que no seu día se fixo do tellado. Falo da cruz que había na Igrexa da Vilavella e que estaba situada na parte traseira do tellado.

CRUZ CUMIAL DA IGREXA DA VILAVELLA

Atopabámola situada na parte traseira do tellado da igrexa parroquial de Santa María da Vilabella. Para vela, había que ollala dende a parte do cemiterio ou por detrás da igrexa, xa que dende o camiño case non se vía. Era de pedra de gra ou granito. De tamaño máis ben pequeno, de sección octogonal ou oitavada.

Estaba apoiada nunha base ou pedestal, case invisible dende abaixo. Esta igrexa, segundo o que fora o noso cronista oficial, D. Enrique Rivera Rouco, é unha das máis antigas do concello, xa que dicía que era do século XIII, polo seu estilo con fiestras románicas sen mestura do gótico. Na última restauración que fixeron do tellado, a cruz desapareceu.

Unha vez máis atopámonos cunha restauración que non contempla os distintos elementos que había anteriormente a facela.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.