PATRIMONIO PONTES LXIX

Comezamos hoxe con outro tipo de cruces, as cumiais. A maioría son de pedra, aínda que tamén as hai de ferro.

As cruces cumiais son aquelas que colocadas na zona alta, e que dá á fachada principal, dos tellados das casas, das igrexas, portalóns, hórreos… , nestas zonas a cruz abrangue máis espazo, pois vese a moita distancia.


Poñíanse nas casas por mor de protexer ós seus moradores (xente e animais) de todo mal, pois ela evitaba co maligno entrase na casa; e no caso dos hórreos para protexe-lo millo e outros alimentos que nel se gardaban. Nos portalóns de entrada do muro de peche que rodea á casa, xeralmente dito muro de pedra, poñíanse para impedir que –ó igual que no caso da casa- entre o mal nela e nas dependencias adxectivas: forno, pozo, palleira, cuadras, cortellos… As das igrexas non son moi abondosas, pois –polo xeral- na fachada das igrexas atopámo-lo campanario e, sobre del (no caso de que leve cruz) unha cruz de ferro forxado. As de pedra, adoitaban ir na parte de atrás.

Coma no caso das riscadas, non van estar todas as que son, pois non creo que as teña todas localizadas. Mais imos facer un repaso das que si teño, das que algunhas xa non están. Un patrimonio que se perde. Triste o feito, mais é así. E imos comezar precisamente por unha que xa está perdida e que antes si estaba.

CRUZ CUMIAL DA CAPELA DO CARME

Na parte traseira da Capela do Carme atopábase esta cruz antes da última restauración do teito desta igrexa, que tivo lugar xa hai uns anos. Hoxe desaparecida por mor dunha mala restauración que non tivo en conta o estado anterior de dito tellado, pois non é normal que se quite a cruz que levaba anos en dito lugar.

Cabe preguntarnos: Onde está agora? Rompeu cando a restauración? Por que non volveu ao seu lugar? Que razóns hai en realidade? Quedou alguén con ela? Algo que é patrimonio de todos non se debe perder. Grazas a unha foto que nos queda como mostra e testemuña da súa existencia podemos dicir que era unha cruz pequena, delgada ou estilizada e ía pousada nunha base cilíndrica. Posiblemente fora unha cruz de sección octogonal e con remate potenzado, polo pouco que se pode apreciar na foto.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.

Deja un comentario