Para ir rematando co apartado das cruces riscadas, aínda que queda algún exemplar máis no tinteiro, quero rematalo con dous exemplos de cruces riscadas especiais. Son as chamadas “cruces de termo”, que son aquelas que indican o linde entre parroquias.
Marcábanse nas pedras e era o sinal de comezo dunha parroquia e o final doutra.
O primeiro exemplar está situado en Mariñaleda-A Pedrafita e era a cruz de termo entre a parroquia do Aparral e a de As Pontes ou entre Santa María do Aparral e Santa María de As Pontes.
CRUZ RISCADA NA ROCHA EN MARIÑALEDA-A PEDRAFITA:

Nun camiño existente á esquerda, unha vez pasada a desviación que vai á Pedrafita, e no lugar de Mariñaleda, aproximadamente a uns 500 metros da pista atopámonos con esta cruz de termo gravada na rocha. Fomos cunha persoa para min moi particular e querida, xa que foi profesor meu na Academia “Pardo Bazán” e que sempre lle chamei Don Rosendo, concretamente Rosendo Couto Abella, bo profesional e boa persoa e do que gardo boas lembranzas. De non ser por el que sabía dela, non a atoparíamos, pois aínda que está á beira do camiño, ao estar cuberta de mato non se vía a pesares de estar ao seu carón. Houbo que despexar a zona de vexetación antes de poder facer as fotos para deixar testemuña dela.
É unha cruz gravada na pedra, duns 20 por case 40 centímetros e no pé vertical inferior leva coma un remate do mesmo en sentido horizontal. A pedra non levanta moito do chan e non é regular na súa superficie. E como xa dixen é unha cruz riscada de termo, de separación de parroquias.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a sua colaboración desinteresada.
